Naturaleza en Padrón
Xardín Botánico Artístico de Padrón
O Xardín Botánico–Artístico de Padrón, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 1946, está considerado todo un referente en Galicia grazas á súa relevancia xardinística. Pertence ao Patrimonio Artístico dende hai décadas e a temática do seu deseño está fortemente vinculada á tradición apostólica de Padrón, chamado “berce do Xacobeo”, por ser identificado pola tradición popular como o lugar de desembarque do corpo do apóstolo Santiago.
Outro elemento cultural universal latente no Xardín é a literatura grazas a relevantes autores como a poetisa Rosalía de Castro, o premio Nobel Camilo José Cela, o trobador Macías O Namorado ou o grande Castelao, escritores cuxa alma aínda continúa viva neste lugar. Ademais, o labor conmemorable que cumpre este espazo está presente a través dos seus elementos monumentais: esculturas e significativas especies que coa súa presenza gardan a lembranza da nosa historia máis recente. A documentación máis antiga do Xardín Botánico–Artístico de Padrón data do ano 1869, por tanto está considerado un dos primeiros xardíns da xeografía española. A parte primitiva, cun esmerado deseño de estilo francés, alberga un parterre cheo de imaxinativas formas xeométricas, cargadas de simbolismo acorde aos elementos culturais que lle outorgan a identidade. A parte máis recente, de estilo inglés, coas ringleiras de maxestosos plátanos de sombra, garda testemuña do esplendor social padronés doutra época na que os acordes da banda de música soaban nas datas máis especiais. De especial mención é tamén o enreixado de temática xacobea que custodia o Xardín, dotado de icónicos elementos como a vieira e a cruz do Apóstolo.
Cunha extensión de aproximadamente 1 hectárea, o Xardín preserva arredor de 300 especies, varias delas están presentes no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras: a palmeira do Senegal, as dúas sequoias vermellas, a coroa de Cristo, o carballo fastixiado e o castiñeiro de Indias.