Roteiro rosaliano de Padrón polos camiños

Casa Museo de Rosalía de Castro
Rosalía de Castro (Conxo, 1837 – Padrón 1885), filla da fidalga María Teresa de Castro e Abadía, con orixe en Arretén (Padrón), nace en Santiago de Compostela no 1837 e é bautizada como filla de pais incógnitos. Críase coa súa nai en Padrón; despois trasládase con ela a Compostela, onde se recibe a súa formación académica; e logo a Madrid, lugar onde se publica o seu primeiro libro de poemas La flor, (1857) e onde coñece e casa co historiador galego, Manuel Murguía.
Escritora de prosa e verso, co libro Cantares Gallegos (1863) sitúase á fronte do Rexurdimento cultural de Galicia e con Follas Novas (1880) eleva a poesía galega aos máis altos cumes da súa historia. En castelán destaca coa novela El caballero de las botas azules (1867) e coa súa derradeira obra En las orillas de Sar (1884).
Andou na súa vida deambulando por diferentes vilas e cidades de Galicia e de fóra, e pasa os seus últimos anos na Casa da Matanza (Padrón), onde falece no 1885, aos corenta e oito anos. É enterrada no cemiterio de Adina (Santa María de Iria, Padrón) e no 1891 é trasladada ao Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval (Santiago).
No outono de 1947 créase o Padroado de Rosalía de Castro co fin de arranxar a Casa da Matanza, que sería restaurada no 1971 e convertida en Casa-Museo no 1972. A Fundación, que continúa co labor do Padroado, é a actual propietaria.
Neste espazo proponse un percorrido polos acontecementos que marcaron a vida e a obra de Rosalía
Dende a súa apertura ao público, a Casa-Museo de Rosalía de Castro convértese nunha referencia emblemática da cultura galega xa que é a casa que garda a memoria da considerada escritora nacional de Galicia.




