Ruta Padrón Literario

Praza de Camilo José Cela

Praza de Camilo José Cela

Esta praza foi inaugurada o 17 de agosto do 1947

Camilo José Cela Trulock (1916-2002) naceu en Iria Flavia o 11 de maio. Pasou a súa infancia en Galicia ata que no ano 1925 se traslada coa súa familia a Madrid, onde en 1936 publica algúns dos seus primeiros poemas. A súa primeira novela, La Familia de Pascual Duarte veu a luz no 1945.

No 1956 funda a revista Papeles de Son Armadans, sendo un referente cultural da España dos anos  50 e60.  Xa no 1957 ingresa na Real Academia Española.

Autor de obras como La Familia de Pascual Duarte, Nuevas Andanzas y Desventuras del Lazarillo de Tormes, Viaje a la Alcarria ou La Colmena, gaña o Premio Nobel de Literatura en 1989, o Príncipe de Asturias (1987), o Cervantes (1995)  e no 1996 recibe o Marquesado de Iria Flavia pola S.M. o rei D. Xoán Carlos.

No 1991 inaugura na vila padronesa a súa Fundación, un desexo que tiña desde había anos.

A Fundación Camilo José Cela ten a súa sede en Iria Flavia, fronte á antiga colexiata de Santa María a Maior de Iria Flavia, nunhas casas construídas para residencia de cóengos no S. XVIII. Dispón dunha superficie total de 11.000 metros cadrados, alberga unha biblioteca de máis de 45.000 volumes, unha pinacoteca con máis de 700 pinturas orixinais, un paraninfo de 178 prazas, aulas e salas de exposicións, ademais dunha ampla superficie axardinada. O Museo do Ferrocarril John Trulock forma parte do conxunto e amosa a historia do ferrocarril galego.

Merece ser mencionada unha completa colección de manuscritos que reúne a práctica totalidade da súa obra.

A biblioteca da Fundación componse de 45.000 volumes, incluídas todas as edicións e traducións da obra de Camilo José Cela. A súa hemeroteca comprende 1.200 títulos de revistas e periódicos cun total de 45.900 exemplares, entre os que se inclúe o arquivo completo da revista Son Armadans. O epistolario, pola súa parte, está integrado por máis de 90.000 cartas. A pinacoteca fórmana obras dos primeiros nomes da arte contemporánea (Picasso, Miró, Mosquera, Ulbricht, Zabaleta, Úrculo…) e diversos debuxos realizados por Lorca, Alberti ou o propio Cela.

Tamén aquí se conservan centos de títulos, condecoracións e premios, así como coleccións e obxectos que Camilo José Cela foi reunindo ao longo de súa vida e que, pola súa riqueza e variedade, suscitan o interese todo tipo de visitantes.

Ademáis, é preciso sumar os legados de José M.ª Sánchez Silva, José García Nieto, M.ª del Carmen Pajares Escolano e Fernando Huarte, así como manuscritos doutros autores.

Camilo José Cela faleceu en Madrid o 17 de xaneiro de 2002 e foi trasladado ao cemiterio de Adina, segundo o seu expreso desexo.