Descubre Padrón

Fundación P.G. Camilo José Cela

Fundación P.G. Camilo José Cela

Sede da Fundación Camilo José Cela

O  célebre escritor Camilo José Cela (Iria Flavia, 1916 – Madrid, 2002) escolleu a terra que o veu medrar para facer realidade o seu maior desexo, a creación da súa Fundación, que acolle toda a súa obra, manuscritos, coleccións privadas e a súa propia vida.

Ten a sede en Iria Flavia, fronte á antiga colexiata de Santa María a Maior, nunhas casas construídas para a residencia de cóengos no século XVIII.

Dispón dunha superficie total de 11.000 metros cadrados, alberga unha biblioteca de máis de 45.000 volumes, unha pinacoteca con máis de 700 pinturas orixinais, un paraninfo de 178 prazas, aulas e salas de exposicións, ademais dunha ampla superficie axardinada.

Nas diferentes salas o visitante vai poder admirar centos de títulos, condecoracións e premios, entre os que se atopan o premio Nobel (1989), o premio Cervantes (1995) e o premio Príncipe de Asturias (1987), así como coleccións e obxectos que Camilo José Cela foi reunindo ao longo da súa vida e que, pola súa riqueza e variedade, suscitan especial interese.

Hanse de sumar os legados de José M.ª Sánchez Silva, José García Nieto, M.ª del Carmen Pajares Escolano e Fernando Huarte, así como manuscritos doutras autorías.